Friday 03 de May de 2024

A Xunta e a Fundación Amigos de Galicia colaboran na atención de mulleres que sofren violencia de xénero


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe en Santiago as novas instalacións da Fundación

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe en Santiago as novas instalacións da Fundación Amigos de Galicia, una asociación coa que a Xunta colabora desde hai anos na atención de mulleres que sofren violencia de xénero.

Na visita, López Abella estivo acompañada polo director xeral da Fundación, Jesús Busto Peteiro, quen destacou que nestas novas instalacións contan con dúas traballadoras sociais, unha delas dedicada exclusivamente á atención de mulleres vítimas da violencia machista ou en risco de sufrila, ademais dunha técnica de emprego, unha psicóloga e un avogado.

A Secretaría Xeral da Igualdade colabora coa Fundación Amigos de Galicia, subvencionando un Programa de recursos integrais para mulleres vítimas da violencia de xénero, a través da orde de axudas para entidades de iniciativa social. Dende o ano 2009 esta subvención ascendeu a 160.000 euros.

Concretamente, o ano pasado recibiron algo máis de 30.000 euros para financiar o seu “Programa de recursos integrais para mulleres vítimas de violencia de xénero ou mulleres en risco de sufrir violencia de xénero”, a través do cal atenderon a 401 mulleres que sufriron, estaban a sufrir ou poderían estar en risco de sufrir violencia de xénero e que, na súa maioría, contan con cargas familiares que asumir.

A Fundación Amigos de Galicia puxo a disposición deste proxecto un equipo humano encargado de asesorar e orientar ás usuarias, tanto a nivel psicolóxico e/ou emocional, como a nivel recursos das distintas administracións públicas e entidades privadas, ofertando tamén diversos cursos formativos que fomentaron as súas capacidades.

Este equipo estivo composto por unha traballadora social, unha psicóloga e unha orientadora laboral, así como persoal xurídico encargado de asesorar e solventar os diferentes trámites xurídicos. Mediante este proxecto se pretendeu desenvolver tódalas accións precisas en cada caso concreto, favorecendo a autonomía e independencia da muller e evitando calquera forma de maltrato.

O director xeral da Fundación Amigos de Galicia presentoulle á secretaria xeral os novos proxectos que levarán a cabo o próximo ano, facendo especial fincapé naqueles programas centrados na protección do/as menores.